Robert Oppenheimer

Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos. Oppenheimer declararía máis tarde que tras esta primeira proba lle viñeran á mente as palabras do Bhagavad Gita: «Agora convertinme na morte, a destrutora de mundos». Oppenheimer sempre expresou o seu pesar polo falecemento de vítimas inocentes cando as bombas nucleares foron lanzadas contra os xaponeses nos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki en agosto de 1945. Logo da guerra ocupou o cargo de asesor xefe na daquela recentemente creada Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos e utilizou a súa posición para avogar polo control internacional do poder nuclear, evitar a proliferación de armamento nuclear e frear a carreira armamentística entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. Logo de provocar a ira de numerosos políticos polas súa opinión pública, o goberno retiroulle o seu pase de seguridade, perdendo o acceso aos documentos militares segredos do seu país, e perdeu a súa influencia política directa durante unha moi publicitada auditoría en 1954. Nesa época nos Estados Unidos todas aquelas persoas sospeitosas de simpatizar co comunismo ou simplemente de ser disidentes foron perseguidas polo goberno. Tras isto Oppenheimer continuou escribindo, traballando no campo da física e dando diversas conferencias. Nove anos despois da auditoría, os presidentes John F. Kennedy e Lyndon B. Johnson concedéronlle e outorgáronlle respectivamente o Premio Enrico Fermi como un xesto de rehabilitación da súa figura pública. Oppenheimer conseguiu varios logros notables no campo da física, como por exemplo a aproximación de Born-Oppenheimer. Tamén traballou na teoría de electróns e positróns, o proceso de Oppenheimer-Phillips da fusión nuclear e na primeira predición sobre o efecto túnel. Xunto cos seus alumnos fixo importantes contribucións á teoría moderna sobre as estrelas de neutróns e os buratos negros, así como á mecánica cuántica, á teoría cuántica de campos e ás interaccións dos raios cósmicos. Como profesor e promotor da ciencia, recórdase como un dos fundadores da escola estadounidense de física teórica, que gañou prominencia mundial na década de 1930. Logo da segunda guerra mundial, tamén ocupou o posto de director do Institute for Advanced Study de Princeton.


Developed by StudentB